Abrir menu
GL | ES | EN
26/06/2026

Misión cumprida: ALDABA TIC-Camp 2026 pecha con éxito o seu primeiro turno na Coruña e Ourense tras unha emocionante viaxe no tempo

Final 1Er Turno TIC Camp 2026 cátedra ALDABA-WIB

A Cátedra ALDABA-WIB celebra a clausura da primeira semana do seu campamento tecnolóxico na Facultade de Informática do Campus da Coruña da UDC e na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense da UVigo. Baixo o lema "Aventura STEM: Viaxe no Tempo", o primeiro grupo de participantes de ambas as cidades completou unha inmersión educativa única, fusionando épocas históricas coas ferramentas dixitais actuais.

Innovación a través do xogo
Ao longo desta aventura, nenas e nenos de 6 a 12 anos percorreron o pasado e o futuro resolvendo retos mediante o uso de drons, robótica, deseño e impresión 3D, programación, IA e ciberseguridade.
Coa guía de Play Code Academy, o alumnado non só resolveu enigmas desenvolvendo solucións tecnolóxicas e competencias clave, senón que tamén forxou novas amizades e recordos.

Apoio institucional
Un ano máis, o Consello Social da Universidade de Vigo apoiou economicamente a edición de Ourense, como recoñecemento ao valor desta iniciativa para reducir a fenda de xénero na carreira universitaria máis afectada por este problema: a enxeñaría informática.

Balance en cifras
Este ano, entre ambos campamentos, asistirán un total de 132 nenas e nenos, dos cales un 60% serán nenas. Esta convocatoria consolida o compromiso da Cátedra por crear espazos tecnolóxicos máis diversos.

Broche de ouro en Ourense e continuidade na Coruña
Mentres que a sede de Ourense despide a edición deste ano co orgullo de ter sementado novas vocacións, as instalacións da UDC xa se preparan para dar continuidade á experiencia coa celebración do segundo turno do 29 de xuño ao 3 de xullo, completando un verán de innovación e igualdade.